http://www.cgac.org/index.php?id=41&idn=623
Fecha: 7-9 maio 2009
Lugar: CGAC (Santiago de Compostela)
Clemente Padín é un artista experimental que procede do contexto do conceptualismo suramericano, e cuxa obra está estreitamente vinculada coa poesía visual, a performance e o activismo político. Na década dos sesenta, dirixiu dúas revistas (Los huevos del plata [1965-1969] e OVUM [1970]), que desempeñaron un importante papel no contexto artístico uruguaio e latinoamericano das décadas dos sesenta e setenta, combinando a arte de vangarda e a literatura co compromiso sociopolítico dun modo sobresaínte.
O taller que desenvolverá no CGAC do 7 ao 9 de maio, abordará a historia e a evolución da poesía experimental desde os seus inicios ata a actualidade. Outro dos temas que se tratará será a evolución dos soportes e como estes foron determinando os cambios estructurais na poesía. Ademais de afondar na evolución histórica realizarase o comentario pormenorizado de poemas experimentais de todas as épocas e o autor amosará ademais poemas experimentais en todas as súas dimensións: visual, sonora, dixital ou performática, entre outras.
Os participantes no taller realizarán poemas visuais que poderán exhibir ao remate do mesmo cando terá lugar, tamén, unha lectura pública de poesía experimental incluíndo traballos duns quince poetas experimentais e un xogo poético de participación popular.
O CGAC expón neste momento dúas das súas obras na mostra colectiva A mancha humana que proceden da serie Signografías; unha colección de vinte poemas escritos con tinta chinesa sobre papel. Padín realizou esta poesía asemántica como reacción á tendencia xeral daquel momento de cuestionar a función da linguaxe, o seu significado social e político e a súa pertinencia. As letras que debuxa pódense descifrar a través de calquera idioma coñecido: o seu significado depende do lector. O texto transfórmase en imaxe e, ao mesmo tempo, reduce a linguaxe á súa estrutura lingüística básica e asemade faina visible.
Leave a Reply
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.