A CHAVE MESTRA é unha colección promovida por aCentral Folque, centrada en personaxes históricos do patrimonio musical e oral galego. Artistas que destacaron e ofreceron a súa personalidade, bon facer, e que axudaron a transmitir un coñecemento esencial do presente cultural galego. Gaiteiros, zanfonistas, violinistas, narradores, acordeonistas… No 2017, unha nova fornada de títulos súmanse a esta colección. Pandereteiras, folcloristas foráneos, músicas na emigración, regueifa,…
Aquí comeza unha serie de publicacións para rescatar, descubrir e divulgar, figuras indispensabeis da cultura tradicional. Libros de alta calidade a cor con tapa dura, fotos inéditas, contexto e ensaio histórico e musical, transcrición e análise de partituras e CDs con gravacións orixinais e inédicas en cada unha das publicacións.
Gustav Henningsen (Slagelse, Dinamarca, 1934) é un destacado folclorista, antropólogo histórico e investigador que estivo ligado durante a súa vida profesional ao prestixioso Arquivo Danés do Folclore [Dansk Folkemindesamling] da Biblioteca Real de Dinamarca. Entre 1964 e 1968 realizou traballo de campo en Galiza, principalmente na comarca de Ordes, para estudar os rituais e as crenzas máxicas arredor da bruxería. Mentres que os seus traballos sobre esta materia tiveron alcance internacional, os outros materiais compilados (entre eles os musicais) ficaron “esquecidos” até hoxe. O fondo Henningsen integra unha impresionante colección fotográfica, da cal se realizou en 2015 unha primeira exposición no Museo do Pobo Galego, e un valiosísimo arquivo fonográfico que permanece até o dia de hoxe completamente inédito.
Leave a Reply
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.